Formación

Ao longo de máis de 25 anos de historia levouse a cabo un intensísimo labor de formación musical fiel ao obxectivo inicial, proba diso queda reflectida no extenso número de compoñentes que formaron parte activa da banda na súa traxectoria.

Dende o 2004 a Asociación Cultural Xarabal vén realizando anualmente os “Obradoiros de música galega”, nos que os alumnos asisten a clases intensivas durante tres días, charla-coloquios con figuras representativas do folclore galego, mostras gastronómicas e etnográficas e diversas actividades paralelas.

Nun ambiente de convivencia conxunta cos membros da Banda e mestres de recoñecido prestixio no panorama musical nacional e internacional, os alumnos teñen a oportunidade de vivir unha experiencia única e de gozar da música galega máis auténtica.

E así como no pasado tiveron a súa orixe e formáronse na ESCOLA Xarabal artistas representativos do panorama musical como Carlos Núñez, Anxo Pintos, Xosé Manuel Budiño, Anxo Lorenzo, Marcos Campos, Lucía Martínez e innumerables músicos, que desenvolven a súa actividade profesional na actualidade, engrandecendo a nosa música (tanto a nivel nacional como internacional), tamén agora seguimos construíndo en calidade a grandes músicos futuros que continuarán coa misión de espallar polo mundo adiante a cultura musical galega.

Se queres saber máis información de Xarabal, coñecernos, ver o ambiente ou simplemente asistir a un ensaio para dar un paseo de sábado… non o dubides, dende as 16:30 ata as 20:00 alí estaremos. ANÍMATE!!

AVV Parada-Maceiriña “Rúas e Fontes”