Historia

ETAPA NA UNIVERSIDADE POPULAR

“Os rapaces chegaban ao Obradoiro Escola de Gaitas e Zanfonas, atraídos pola sona que ía adquirindo na contorna a actividade que comezaba a xerarse. Eran uns poucos escollidos, apreixados por un xeito de onda expansiva que parecía provir daquel núcleo onde se producía a eclosión dos sons da terra…” Antón Corral. A alborada dun soño, 2016

Así foi como se xestou o grupo didáctico do Obradoiro Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular de Vigo en 1983 a imaxe do que Antón Corral creara en Ortigueira e logo en Lugo, para dar a coñecer uns instrumentos tradicionais, a súa historia e a versatilidade coas diferentes tonalidades das gaitas que estaba a construír. Pero dada a afluencia de alumnos, deuse un paso máis e en 1984 tomou corpo a idea dunha banda de gaitas, que naceu como actividade complementaria do Obradoiro-Escola, baixo o acubillo da Universidade Popular sustentada polo Concello.

Mentres, a mediados dos anos oitenta en Vigo se estaba a dar un fenómeno musical social que traspasaría os límites da cidade, a chamada Movida Viguesa, no patio interior do edificio construído por Pacewicz, que servía de sede á Universidade Popular, ensaiaba cada sábado unha enorme canteira de músicos procedentes do Conservatorio de Vigo (Carlos Núñez, Anxo Pintos, Xabier Abad, Anxo Lorenzo, Xose Manuel Budiño que contribuían cunha grande calidade musical, non só no ámbito da música tradicional senón no apartado máis técnico e académico), da agrupación Raigames ou outros centros locais de música regrada (Xosé Manuel Gil), ademais de artesáns construtores dos seus instrumentos (Afonso Castro, Ramón Casal, Carlos Corral…) Era a combinación perfecta.

Coma un facho que reunía aos que pretendían pór en valor a música tradicional e dála a coñecer, aquel Obradoiro Escola comezou a recibir a persoeiros da cultura como o poeta Carlos Oroza, gaiteiros de renome como Nazario González (Moxenas), Jesús González (gaiteiro de Airiños do parque de Castrelos ou Ricardo Portela (o gaiteiro de Viascón). Todos eles asiduos no obradoiro, así como Wenceslao Cabezas (Polo) impulsor do proxecto inicial, conversaban e debatían, e mesmo recomendaban aos seus propios alumnos para integrarse na nacente banda, apoiando dese xeito aquela nova empresa coa súa sabedoría musical.

Antón Corral transmite o ideario da banda de maneira clara:

A Banda de Gaitas Xarabal pretende ser portadora dunha mensaxe de integración con todos aqueles que en distintas facetas se marquen como obxectivo común o de conseguir maiores niveles de calidade e perfección no emprego da gaita.
Un claro expoñente desta idea é a inclusión de instrumentos como o sintetizador, congas, bongós, timbal, etc. empregándoos sempre sobre unha liña tradicional (…) a tradición non consiste soamente de vivir no pasado, senón reconstruíla no presente para que permaneza no futuro.
O folclore faise día a día e o difícil é dar coas fórmulas xustas que garantan a súa aceptación e introdución na cultura popular.”

A banda de gaitas Xarabal quedou constituída oficialmente en setembro de 1984, e ensaio tras ensaio, os compoñentes traballaron para facer realidade ese proxecto, seguindo a técnica de aprendizaxe marcada: “o que sabe música ensina e o que non, aprende” (Carlos Corral)

Dese xeito transcorreron case dous anos de duro traballo, ata que o sábado día 7 de xuño de 1986, apadriñada polo gaiteiro Ricardo Portela, a Banda foi presentada en público no auditorio Caixavigo, ataviada coa vestimenta confeccionada por Isaura Fernández. A roupa dos homes estivo inspirada no modelo de traxe tradicional das Mariñas e o elixido para as mulleres seguía o paradigma formal que aparecía nun gravado do século XVIII, pertencente á bisbarra de Noia.

A acollida por parte dos espectadores que acudiron ao evento foi moi satisfactoria, o que serviu de acicate para continuidade daquel soño feito realidade e suscitou a sona da banda.

“Así, coma se dunha cadea se tratase, fóronse concatenando os chamados á banda Xarabal de Vigo para actuar en diferentes lugares da xeografía. Nese mesmo ano 1986 comezou un intenso periplo de actuacións para presentar o seu repertorio en varios lugares, xunto a un ímprobo traballo na agrupación que envorcou pezas abondo traballadas de Moxenas, como “A Barroca”.

A primeira desas actuacións, despois da presentación no auditorio de Caixavigo, tivo lugar en Narón. A seguinte pasou pola intervención no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, máis tarde, nese mesmo ano, participaría no Festival Celta en Vigo e, a esa, sucederíanse outras como a da cerimonia de irmandade de Vigo no Porto… Antón Corral. A alborada dun soño, 2016

Así que conseguiron ter un repertorio amplo, no que se combinaban as pezas de autor coas tradicionais cunha técnica elaborada e o emprego de gaitas en distintas tonalidades en obras compostas para tal fin, como o Septimino de Roxelio de Leonardo Bouza e de Antón Corral, decidiron emprender o proxecto de gravación do primeiro disco.

Daquela, en abril de 1987 Xarabal e o Grupo Didáctico desprázanse aos estudios “Angel Estudio II” de Lisboa e gravan: “Instrumentos Musicais Populares Galegos”. O traballo sería de grande importancia non só para Xarabal senón para a cultura musical galega en xeral, xa que tiña un carácter puramente didáctico.

Nese mesmo ano Xarabal dáse a coñecer por primeira vez fóra das nosas fronteiras, asistindo como convidado ao festival de música celta por excelencia: o “Festival Intercéltico de Lorient”.

Despois de viaxar por gran parte da xeografía peninsular, en 1993 Xarabal volve aos estudios, esa vez a Sonyarte de Vigo, para gravar o que sería o seu primeiro traballo en solitario como banda. Un total de doce pezas onde se combinaban perfectamente os instrumentos, dos que se dispoñían naquel momento, en grandes interpretacións de temas emblemáticos como “A Barroca” de Nazario González Iglesias (Moxenas), “Marcha Procesional de San Benito” ou “Polca de Vilagarcía”.

Unha vez máis o disco foi todo un éxito entre a crítica e o público, converténdose nun dos traballos discográficos de referencia no mundo da gaita.


ETAPA FÓRA DA UNIVERSIDADE POPULAR E CONSTITUCIÓN DA ASOCIACIÓN CULTURAL XARABAL

Tras a xubilación de Antón Corral como director da Escola Obradoiro de Instrumentos Populares, unha serie de problemas derivados da perda do local de ensaio e o acceso a outros, xunto coa falta de axudas por parte da administración e organismos públicos, a banda de gaitas Xarabal co seu director Antón Corral desvincúlanse oficialmente da Universidade Popular e no ano 2001 pasa a constituírse como Asociación Cultural independente.

A partir dese momento Xarabal visita unha morea de festivais, tanto nacionais como internacionais, dando a coñecer a música e cultura galegas máis alá das nosas fronteiras.

Nesta etapa colabora na gravación de varios traballos discográficos. No ano 2006 o grupo folk “Crema de gaita” convida a banda a realizar unha colaboración no seu disco “Tangalego” interpretando o tema “A Cascarexa”.

No ano 2008 Oscar Ibáñez promove o proxecto discográfico producido pola Xunta de Galicia, editado por Edicións do Cumio e titulado “Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre” e proponlle a Xarabal gravar un dos temas do disco, neste caso unha suite de dúas pezas: “Marcha do San Benito / Muiñeira da Grelada”, ámbalas dúas tradicionais.

Entre 2007 e 2008 Antón Corral, inmerso nun período adverso de saúde e falecemento da súa dona, remata por abandonar a dirección de Xarabal e sucédeo Xurxo Fernández, integrante da banda, que asume a dirección introducindo algúns cambios no rumbo e na estética musical. Tras un periplo de preto de cinco anos e ante novos proxectos, en 2013 toma o relevo Abraham Fernández. Como dato significativo, entre algúns concertos, o 26 de xullo de 2014 a banda celebra o 30 aniversario na Porta do Sol de Vigo, cun concerto no que interviñeron máis de cincuenta músicos sobre un escenario cargado de emoción e acompañados pola figura sempre inspiradora de Antón Corral.

No ano 2015 colle o temón de Xarabal o antigo compoñente, Marcos Campos. Con el a banda comeza unha nova etapa centrada en recuperar un repertorio principalmente tradicional e conseguir unha perfecta posta en escena profundando en novos ritmos, a introdución de novos instrumentos e montaxes de alto nivel interpretativo.

En marzo de 2016 a banda participa, no desfile de San Patricio en New york e durante os seguintes anos viaxa por toda a xeografía española ofrecendo concertos en diferentes festivais e eventos.

Coa colaboración de Ernesto Campos se colabora con diversas bandas de música como a de Valladares creando un espectáculo conxunto de percorrido polo territorio nacional co traballo no eixe da percusión de Xulia Feixóo, que no ano 2017 ingresa como directora desa sección, a banda continúa o seu camiño evolutivo. Así, no ano 2019 recibe o premio, compartido con outras asociacións da cidade olívica, Vigués Distinguido que recolle Roberto Giraldez, presidente de Xarabal nese momento, xunto ao mestre Antón Corral na gala celebrada no teatro García Barbón.

Nese mesmo ano, a banda traballa na gravación do seu último disco “Camiño da ribeira”, onde quedan recollidas algunhas das pezas do repertorio desta etapa. A presentación ao público tería lugar o 23 de outubro de 2021, despois do longo espazo de tempo que a pandemia da COVID-19 mantivo a vida social paralizada.

Recentemente, no 2021 incorporase como director da sección de percusión Ramón Corral, neto do fundador da banda e herdeiro do seu legado artesán, musical e didáctico. O traballo conxunto dos directores e colaboradores fan que a banda de gaitas Xarabal salvagarde esa esencia primixenia de respecto á tradición, nun proceso de mellora constante, apertura e renovación con novos instrumentos de cara a conseguir un espectáculo redondo.