Presentación

Xarabal nace na Cidade de Vigo, en setembro de 1984. Nos nosos inicios eramos unha actividade máis do “Obradoiro escola de instrumentos populares galegos” pertencente á Escola de Artes e Oficios, co obxectivo de crear un punto de encontro dos alumnos de gaita e percusión deste organismo . Rapidamente, e grazas a excepcional calidade dos músicos que formaron o grupo, o colectivo comezou a gañar importancia como ente independente.

No ano 2001, independizámonos da Escola de Artes e Oficios, para pasar a formar parte da nova Asociación Cultural Xarabal, creada para dar acollida non só a alumnos, senón a todo aquel interesado tanto na música como na cultura galega.

A elección do noso nome, Xarabal, corresponde ao seu significado: “agrupación de peixes ante un perigo”,. No seu momento simbolizaba o difícil momento polo que estaba a pasar a música popular no noso país; na actualidade, recollemos esta experiencia para brindarlle á música galega novos camiños de expresión.

En Xarabal formáronse artistas moi representativos do panorama musical galego: Carlos Núñez, Anxo Pintos, Xosé Manuel Budiño, Anxo Lorenzo, Marcos Campo, Lucía Martínez e un longo etcétera, son só algúns dos nomes de músicos que desenvolven a súa actividade profesional na actualidade, tanto a nivel nacional como internacional, e que tiveron as súas orixes en Xarabal.

Antón Corral, artesán e músico, dirixiu a banda dende os seus inicios no ano 1984. É na actualidade un dos persoeiros máis relevantes no ámbito da construcción de gaitas e outros instrumentos tradicionais, e ven facendo dende o ano 1975 unha importante labor de estudo e ensino na realización destes instrumentos.

No ano 2008, e da man do novo director, Xurxo Fernández, comezamos en Xarabal unha nova etapa de profunda renovación a tódolos niveles, cunha estética musical totalmente diferente do que ata o de agora se viñera facendo en Galicia.

Actualmente, Xarabal está inmerso no proceso de gravación do noso próximo traballo discográfico.