Xarabal nace na Cidade de Vigo, en setembro de 1984.
Xarabal dá nome á banda de gaitas fundada por Antón Corral, a carón do mar, no mítico Obradoiro-Escola de gaitas e zanfonas da Universidade Popular de Vigo no ano 1984. Naqueles momentos de incerteza era preciso escoller un nome que simbolizase a situación da música tradicional popular de Galicia e tamén o pulo daqueles gaiteiros, comandados pola ilusión do seu mestre, que pretendían formar unha banda numerosa coa constante da mellora musical.
O mundo da gaita, deostado durante décadas, tentaba rexurdir das súas cinsas da man dun home cun proxecto e un claro obxectivo: a recuperación e a construción de instrumentos tradicionais, a formación de novos músicos e a divulgación da música tradicional. Así xurdiu o nome “xarabal”, co seu significado intimamente ligado ao mar e á linguaxe mariñeira, ao cardume como defensa e á nacenza de novos peixes; de novos músicos que levasen os instrumentos e a música propia ao máis alto nivel.
Antón Corral explicaba acotío que o nome fora escollido, pensando que os músicos dedicados ao folclore galego corrían o perigo de desaparecer, xa que daquela era difícil permanecer no mundo da música tradicional.
Co tempo, a xunción da creatividade, a profesionalidade e a defensa da nosa cultura, postos ao servizo da música tradicional, conformaron o carácter da banda. E nese camiño percorrido ata hoxe continúan resoando na súa filosofía salientables valores aprendidos do seu fundador e mestre, algúns deles téñense convertido mesmo en adaxios:
Antón Corral, artesán e músico, dirixiu a banda dende os seus inicios no ano 1984.
“A tradición non consiste só en vivir no pasado, senón en reconstruíla no presente para que permaneza no futuro”
“A aprendizaxe dentro da banda debe ser colaborativa”
Máis de trinta músicos, imbuídos destes lemas, constitúen a agrupación actual na que un amplo repertorio, interpretado na voz de varios instrumentos de corte tradicional galega, así como de outras latitudes; como percusións de todo tipo, bouzouqui, acordeón, teclados, baixo eléctrico..; co obxectivo principal de producir novas sonoridades e matices, ofrecen un espectáculo musical de amplo espectro.
Esta actitude incorruptible de respecto á tradición, renovación e apertura a novos sons abrolla nunha senlleira posta en escena onde o dinamismo e a complicidade están sempre presentes.
Baixo a dirección de Marcos Campos, músico de longo percorrido e histórico de Xarabal, Ramón Corral, artesán e percusionista experto e Xabier Abad como subdirector e arreglista ; a banda de gaitas Xarabal persegue un obxectivo musical e interpretativo no que a creatividade, o gusto e o perfeccionamento póñense de manifesto nun repertorio variado, composto de obras tradicionais e de autor.
Así, autores de obras musicais como Nazario González (Moxenas), Ricardo Portela , Enrique Otero, Jose Bandín, Rogelio de Leonardo Bouza etc ou os propios membros, como Ernesto Campos, Carlos Estévez ou Xabier Abad , entre outros, poñen ao servizo da boa música o seu sinal innovador, enxeño e calidade musical.
O escenario vén a ser o hábitat natural de Xarabal; é nel onde ofrece ao público un espectáculo completo no que apreciar con maior precisión o traballo interactivo entre os intérpretes, os solos de experimentados tanxedores, a súa expresividade de cara aos espectadores e tantos detalles individuais e de conxunto con todo o elenco de instrumentos que lles dan vida ás pezas.
Non obstante, Xarabal ten no seu haber longa experiencia en desfiles e ruadas ao abeiro de festivais ou dentro de actos institucionais para os que a banda, dotada dun perfil artístico camaleónico, configúrase e adapta a súa posta en escena á fórmula máis conveniente.