PEDRO FARIÑAS

OBRADOIRO DE GAITA: SON, ESTILO E TÉCNICA

CONTIDO DO CURSO

Este obradoiro de gaita pretende abordar dun xeito práctico algunhas das
cuestións referidas á aprendizaxe da gaita que non adoitan estar presentes
no ensino tradicional do instrumento.


Traballarase sobre os seguintes conceptos:

  • Como acadar un bo son; cal é a presión ideal que debemos exercer
    ao fol (se é que existe unha presión ideal).
  • Comprender o concepto de articulación e como realizala ou simulala.
  • A articulación no repertorio popular de gaita galega.
  • A ornamentación no repertorio popular de gaita galega.
  • Estilo: Os modos interpretativos na tradición gaitística galega.
    Pasado, presente e ¿futuro?.

TRAXECTORIA

Pedro Fariñas é titulado superior na especialidade de Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Complementou os seus estudos cunha beca Erasmus no Royal Conservatoire of Glasgow (U.K.) estudando highland bagpipe, guitarra e frautas con mestres como Hamish Napier, Tom Oakes, Chris Amstrong ou Finlay Macdonald.

É gañador de numerosos concursos como gaiteiro solista tanto en Galicia como a nivel internacional destacando o Trophée Maccrimmon para Gaita no Festival Interceltique de Lorient (Francia 2011), Concurso de gaiteiros solistas Concello de Vigo (2011), Memorial Manuel Dopazo (2010), Memorial Manuel Villanueva (2009) ou o Premio Honorífico David Russel polo Conservatorio Profesional de Música de Vigo (2006) e entre moitos outros.

No 2014 grava xunto ao bouzoukista galego Fernando Barroso e o mandolinista portugués Luis Peixoto o traballo discográfico TRIM, que da nome ao propio proxecto. Con este disco son galardoados con dous Premios Opinión da Música de Raíz ao mellor álbum e ao mellor tema orixinal (Capsicum Modum) no ano 2015. Cabe destacar a participación de TRIM en festivais como o Festival Interceltique de Lorient (Francia 2017), Rubrifolkum (Sant Boi de Llobregat 2017), Premios Opinión (A Coruña 2017) ou o FOCUS Galicia (dentro do marco do festival Womex en Santiago de Compostela). Gracias a este último, programadores internacionais leváronos a tocar a salas como a GLOBAL Copenhagen de Dinamarca entre outras.

No 2018 funda xunto á violinista María Jorge o proxecto Caldo. Nesta ocasión como guitarrista, arranxista e compositor, afondan tanto na revisión de temas tradicionais galegos como na creación dun repertorio propio. No 2019 lanzan o seu primeiro álbum homónimo, Caldo, contando coa colaboración de Anaïs Barbier á voz, o que as/os leva a tocar por numerosos festivais como o WIM Festival (Burgos 2019), Rubrifolkum (Sant Boi de Llobregat 2019), Festivaleira (Mos 2019), Escenario Paralaia (dentro do marco do Festival de Ortigueira 2019), Cíclicka (Vigo 2020), O Feito a Man (Santiago de Compostela 2020), etc.

No ano 2020 Caldo resultan gañadores na categoría folk dos Premios Martin Códax da Música Galega e máis tarde do Concurso Fran Peréz “Narf” 2020 organizado pola Deputación da Coruña.

Como docente, actualmente é funcionario de carreira na especialidade de gaita no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. Ademais ten impartidos obradoiros de gaita por diferentes sitios da península; Stage international musiques populaires de Galice et d’Asturies para a escola bretona Drom Kreiz Breizh Akademi, Amics de la Gaita (Valencia), dentro do festival Rubrifolkum (Sant Boi de Llobregat), Escuela Folk Madrid-Norte, A Central Folque (Santiago D.C.) ou o Curso de cultura tradicional Galega organizado por Cántigas e Frores (Lugo) , entre outros.